Friday 10 de May de 2024

Aitor Bouza anuncia unha mobilización do PSOE en Santiago para amosar o “apoio absoluto e rotundo” a Pedro Sánchez


Convocan mañá sábado unha concentración fronte a Casa do Pobo en Ramón Cabanillas a partir das 11.00h

Anima á cidadanía a sumarse a un manifesto para “defender os valores do Estado de dereito” e ao Presidente do goberno “para berrar basta xa a este tipo de política do PP e da ultradereita”

“Paga a pena ter un Presidente que loite polas inxustizas sociais e polas persoas que precisan da política”. Con estas verbas Aitor Bouza manifestou este venres o seu apoio “absoluto e rotundo” a Pedro Sánchez logo da carta que fixo pública o pasado mércores. Bouza confirmou o respaldo do PSdeG en Santiago e anunciou unha convocatoria de concentración para este sábado a partir das 11.00h fronte a Casa do Pobo en Ramón Cabanillas.

Os socialistas de Compostela promoven ademais un manifesto para “defender os valores do Estado de dereito” e ao propio Presidente, “berrando basta xa a este tipo de política do Partido Popular e da ultradereita”. Neste sentido, Bouza arremeteu contra as “prácticas” de Núñez Feijóo, tamén en Galicia, lembrando a campaña “de acoso e derribo” ao goberno de Emilio Pérez Touriño no 2009 “chegando as descualificacións persoais ao vicepresidente con acusacións gravísimas de maltrato”.

“Pasou o tempo e vimos como ese PP de Feijóo levaba á práctica a política máis nauseabunda e do ‘lodazal’ a España” abroncou Bouza que tirou tamén de hemeroteca criticando que “o modus operandi que agora padece a muller do presidente é o mesmo que sufriu Besteiro”: “unha denuncia falsa a través dun anónimo coa complicidade dun xuíz que ten, casualmente, familiares do PP para tentar causar un dano político”.

Unhas críticas “inmorais e indecentes”

O secretario xeral dos socialistas en Santiago cuestionou tamén a actitude da oposición logo de facerse pública a carta do Presidente do Goberno, tachando as críticas de “inmorais e indecentes”. Bouza insistiu en denunciar a actitude da dereita e da extrema dereita nos últimos meses, “que se dedicaron a proxectar unha imaxe do Presidente como se non tivera sentimentos”.

Aitor Bouza abroncou tamén a actitude da secretaria xeral do PP en Galicia, Paula Prado: “debería caérselle a cara de vergonza ao falar ela de explicacións sobre casos de corrupción e saír correndo, cos audios que escoitamos todos os composteláns”. Neste sentido, o líder dos socialistas insistiu en que a actitude da dereita “o único que intenta xerar é un clima “nauseabundo” que “non se pode consentir”

“No PP pretenden dar leccións de decencia cando teñen un líder que paseaba no barco dun narco”

“De verdade este PP nos ven a dar leccións de decencia e moralidade, cando teñen de líder a un presidente que se paseaba con un narco cando as familias choraban as mortes dos seus fillos polo narcotráfico?” preguntouse Aitor Bouza que interpelou directamente a “todas as persoas que se senten demócratas e progresistas” convidándoos a mobilizarse fronte a “infamia das prácticas mafiosas do Partido Popular”.

Preguntado ademais pola nova executiva que o PSdeG escollerá no Congreso de este domingo, Aitor Bouza amósase confiado a que o novo proxecto liderado por José Ramón Gómez Besteiro “contará con Compostela” e saiba pilotar unha renovación que “devolva toda a ilusión ao socialismo galego”.

Insiste en que Besteiro “é o mellor líder que temos” e compromete en nome dos socialistas de Compostela o apoio para que “o día seguinte esteamos aí para arroupar e construír ese proxecto de futuro”.